As familias con falecidos durante a crise sanitaria recibirán un pésame personalizado do Concello

Pontevedra
08 de abril 2020

Deuse instrución para facer chegar unha ofrenda floral e unha carta persoal do alcalde trasladando as condolencias e o afecto do  Concello nestas situacións de soidade obrigada

Día de Defuntos 2019
Día de Defuntos 2019 / Diego Torrado

O Concello de Pontevedra e concretamente a concellería delegada de cemiterios, que ostenta a nacionalista Carmen Fouces, deu instrucións para que se faga chegar as familias que perdan algún ser querido durante a crise sanitaria unha ofrenda floral e unha carta persoal do alcalde en nome da corporación. No escrito trasládanse as condolencias e o afecto do Concello neste contexto de soidade obrigada.

Fouces explicou que as sociedades "sempre precisaron compañía para despedir aos seus seres queridos e cando alguén falece é o momento de reunirnos para recibir o apoio dos demais". Dado que esta circunstancia é nestes momentos inviable "con este pésame especial o que pretendemos é contribuír a aliviar a dor da despedida".

As normas de prevención e seguridade consecuencia da pandemia obrigaron a modificar férreamente os hábitos sociais de velorios, enterros ou incineracións; de maneira que se restrinxiu ao máximo o número de persoas que poden acompañar aos defuntos. 

Esta tesitura excepcional conleva que ademais de ter que asumir a perda da persoa, as familias pasen eses duros momentos sen a despedida pública habitual. Por este motivo, desde o Concello quérese estar á beira dos cidadáns para que sentan arroupados nestas situacións.