O PP de Poio solicita a reapertura gradual e controlada do cemiterio municipal

Poio
04 de maio 2020

Trasladan as peticións de numerosas familias que desexan visitar ou facer mantemento dos nichos e panteóns, e solicitan que se lles permita o acceso cos horarios e as medidas oportunas sanitarias e de seguridade

Cemiterio de San Xoán de Poio
Cemiterio de San Xoán de Poio

O voceiro do Partido Popular de Poio, Ángel Moldes, trasladará ao goberno local a necesidade de reabrir, de forma gradual e controlada, o cemiterio municipal de San Xoán para que os veciños poidan visitar e acondicionar as tumbas e panteóns despois de case dous meses sen poder facelo.

A solicitude se produce despois de que numerosas familias preguntasen cando poderían acceder ao camposanto para repoñer flores, facer limpeza e mantemento ou simplemente visitar os nichos e panteóns familiares.

Moldes explicou que a decisións de abrir o camposanto, como outras instalacións municipais, é unha competencia do Concello, e recordou que algúns municipios nunca pecharon e noutros concellos esta reapertura, como a doutras dependencias municipais, xa se realizou con ocasión do Día da Nai.

"Nestes momentos tan excepcionais, moitos veciños necesitan poder visitar o cemiterio cun horario especial, limitación de persoas que poidan estar ao mesmo tempo ou coas medidas de seguridade que sexan necesarias", dixo Moldes.

O popular explicou que en distintos municipios se levaron a cabo iniciativas como a reposición de flores por parte de empregados municipais ou a posibilidade de que os veciños encargasen por teléfono ou por internet ás floristerías, o que permitiu ademais, soster estes negocios durante o confinamento.

Moldes concluiu afirmando que "botamos de menos, como se está a facer noutros concellos, un plan detallado de reapertura das instalacións municipais, cun protocolo e unhas datas claras, primando por riba de todo a seguridade dos nosos veciños e dos traballadores do Concello".