Goberno e oposición deseñan medidas para superar a crise sanitaria en Poio

Poio
07 de maio 2020

O goberno local ofrece un dossier con todas as liñas de axudas activas e o PP propón a redución de impostos

A fachada do Concello de Poio iluminada de morado polo Día Internacional da Muller.
A fachada do Concello de Poio iluminada de morado polo Día Internacional da Muller. / Concello de Poio

A concellería de Promoción Económica do Concello de Poio traballa na elaboración dun dossier no que figuran todas as axudas, achegas e iniciativas que as diferentes administracións públicas están a tramitar en favor das empresas, especialmente para aqueles sectores máis afectados pola crise sanitaria.

O concelleiro responsable deste departamento, Gregorio Agís, lembra aos veciños que poden obter asesoramento personalizado se o solicitan a través do correo electrónico [email protected] ou contactando de forma telefónica.

Estas actuacións complementan ao mapa interactivo no que figuran todos os negocios que permanencen operativos e os que irán incorporándose ao longo das próximas semanas. 

Pola súa banda, o grupo municipal do PP presenta unha moción cunha serie de peticións dirixidas a apoiar economicamente a toda a poboación de Poio consistentes en eliminar ou bonificar os impostos do IBI, IAE, augas, lixos e de circulación mentres o estado de alarma estea vixente, reducir o tipo impositivo do IBI ao 0,43 e a aprobación dunha modificación orzamentaria para dotar de máis recursos financeiras a Benestar Social.