O goberno local de Poio, en consenso co resto de grupos municipais e hostalería do municipio, vai elaborar un documento que regule a ampliación do uso dos espazos públicos para as terrazas do sector. Será unha medida excepcional para responder aos requisitos de seguridade que demanda a situación da pandemia e ao tempo para axudar na reactivación económica unha vez comece na fase 1 prevista polo Goberno central.
O protocolo, tal e como establece a normativa xeral, permitirá usar o 50% do aforo das terrazas ampliando o espazo público.
Esta ampliación non supoñerá incremento de custos para os establecementos e no que respecta a viandantes, tamén se garantirá o espazo necesario para o seu adecuado tránsito.
O documento a elaborar "debe servir para lograr reiniciar de forma progresiva a actividade económica dun sector que é un dos principais motores de dinamización do noso municipio", sinalaba o alcalde, Luciano Sobral.
Neste sentido, o Concello xa acordou a devolución a estes establecementos a parte proporcional da taxa por ocupación de espazo público correspondente ao período de peche desde que se decretou o estado de alarma.