O Concello de Poio perfilará a ampliación das terrazas co sector hostaleiro

Poio
08 de maio 2020

O Concello de Poio convocará a vindeira semana unha serie de asambleas, vía telemática, nas que invita a tomar parte a profesionais do sector da hostalería do municipio

Terraza en Combarro
Terraza en Combarro / PontevedraViva

O Concello de Poio convocará a vindeira semana unha serie de asambleas, vía telemática, nas que invita a tomar parte a profesionais do sector da hostalería do municipio.

Trátase dunha iniciativa cun dobre obxectivo, xa que, por unha banda, pretende servir para informar aos responsables destes negocios do documento polo que se rexerá a instrución que permitirá a ampliación temporal de espazos para a instalación de terrazas, que desde a entrada na fase 1 da desescalada poderanse ocupar ao 50%. Por outro lado, tamén servirá para coñecer a intención do sector de reiniciar a actividade e resolver dúbidas e consultas.

O Goberno municipal lembra que esta é unha fórmula de carácter excepcional, que terá vixencia mentres duren as limitacións de aforo e ata que se complete o proceso de desescalada, e que busca facilitar e axilizar, na medida do posible, a reactivación económica do sector. Na elaboración deste documento participan todos os grupos da Corporación municipal. Está previsto que a principios da vindeira semana se celebre unha Xunta de Voceiros para dar forma ao documento. Será a partir de entón cando se comecen a realizar as reunións telemáticas cos representantes do sector hostaleiro.

Deste xeito, as persoas responsables dos establecementos hosteleiros interesadas en conectarse a estas videoconferencias deberán enviar un correo electrónico á dirección [email protected] , a través do cal se poderán inscribir na asamblea e se lles dará traslado das convocatorias e da plataforma informática que se utilizará.

Está previsto que nestas reunións participen o alcalde, Luciano Sobral; a concelleira de Turismo, Silvia Díaz, Gregorio Agís, responsable de Promoción Económica e Urbanismo, e a delegada de Seguridade Cidadá, Marga Caldas.

Ademais, tamén é posible obter máis información chamando ao teléfono do Consistorio 986770001 ou ao 604037260, habilitado no seu momento para achegar información vencellada ao estado de alarma.