Coa fase 1, volven o mercado de Combarro, a biblioteca e un horario amplo para o cemiterio de Poio

Poio
11 de maio 2020

O mercado ambulante semanal de Combarro volve este martes. Só poderán desenvolver a súa actividade os postos que ofrezan produtos agrícolas ou de alimentación e os profesionais deberán utilizar en todo momento máscara e luvas e o Concello tamén recomenda o seu uso á veciñanza 

Vehículo da Policía Local de Poio en Combarro
Vehículo da Policía Local de Poio en Combarro / Diego Torrado

A entrada en vigor da fase 1 da desescalada este luns 11 de maio supón que se poidan retomar actividades que levaban dous meses pechadas en Poio como o mercado ambulante semanal de Combarro, que, logo do seu peche por mor da entrada en vigor do estado de alarma o 14 de marzo, retoma este martes 12 a súa actividade.

Este regreso será parcial e seguindo de xeito escrupuloso as directrices que se establecen en canto ás medidas de seguridade, hixiene e distanciamento. De momento, só poderán desenvolver a súa actividade os postos que ofrezan produtos agrícolas ou de alimentación. Ademais, entre ambos deberá existir unha distancia mínima de seis metros.

Os profesionais deberán utilizar en todo momento máscara e luvas e o Concello tamén recomenda á veciñanza que utilicen estes elementos para efectuar as súas compras. Habilitarase un contedor de lixo na Praza da Chousa para depositar as luvas utilizadas unha vez finalizadas as compras.

A Policía Local velará polo cumprimento destas medidas durante o desenvolvemento do mercado, que terá o seu horario habitual de 9.00 a 14.00 horas. A Comisión de Emerxencias da Covid-19 fai un chamamento á cidadanía para que cumpra cos requirimentos establecidos polas autoridades sanitarias en canto á distanciamento e hixiene.

Tamén a biblioteca municipal, situada en Campelo, está operativa desde este luns 11 de maio. O horario de atención ao público será exclusivamente pola tarde, concretamente de 17.00 a 19.00 horas, preferiblemente a través de cita previa, que se pode solicitar chamando ao 986770001 (extensión 1331).

O aforo máximo será de tres persoas. Ademais das medidas que establece a fase 1 do proceso de desescalada, prorrogaranse os préstamos iniciados entre o 17 de febreiro e o 11 de marzo (é dicir, ata 15 días antes do inicio do estado de alarma), tal e como permite a Rede de Bibliotecas de Galicia. Deste xeito, os usuarios disporán ata o 11 de xuño para devolver o material. Todo o material prestado pasará a estar en corentena.

O cemiterio municipal de San Xoán, que abriu a semana pasada con horario restrinxido, amplía tamén desde este luns o seu horario de apertura, que pasa a ser de 9.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00 horas. Para poder acceder ao mesmo, será obrigatoria a utilización de máscaras e luvas e quedan prohibidos os paseos polo interior. Os baños permanecerán pechados ao público.