As familias do Álvarez Limeses piden o peche preventivo do colexio ante un "crecemento exponencial da covid"

Pontevedra
19 de novembro 2021

O centro tiña, no balance semanal do mércores, 17 casos activos e tres aulas pechadas e nos dous últimos días detectáronse máis casos dos que non hai confirmación oficial.  A ANPA pide que o cribado realizado entre alumnado de educación infantil se faga tamén a estudantes de primaria para detectar máis asintomáticos

CEIP Álvarez Limeses de Pontevedra
CEIP Álvarez Limeses de Pontevedra / PontevedraViva

O CEIP Álvarez Limeses de Pontevedra era, no último parte oficial da Consellería de Educación, o centro educativo con maior incidencia de covid-19 na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés. Tiña, no balance semanal do mércores, 17 casos activos e tres aulas pechadas e nos dous últimos días detectáronse máis casos dos que non hai confirmación oficial.   

Ante esa situación, a ANPA Joaquín Costa que aglutina ás familias do colexio reclama ás autoridades competentes espallar o cribado realizado entre alumnado de educación infantil tamén a estudantes de primaria e proceder ao peche preventivo do centro educativo.

As familias confirman un "crecemento exponencial da covid" no colexio e aseguran non entender por que tras unha semana de incremento no número de nenas e nenos contaxiados e mesmo de profesoras e profesores "non se teñen tomado medidas máis drásticas".

A asociación asegura que o centro cumpre cos protocolos da Xunta "ao milímetro" e "xa fixo estas reclamacións".

Insisten ademais en que o cribado realizado en infantil é "insuficiente", pois hai moitas nenas e nenos desta etapa educativa en corentena con irmás e irmáns maiores, en primaria, que seguen asistindo ao centro educativo. Nesta liña, aseguran que xurdiron novos positivos deste cribado, o que reafirma a súa postura.

"Sen realizar probas PCR ao alumnado de primaria descoñecemos por completo o alcance real do gromo", sosteñen as familias, que ante este descoñecemento do alcance real do gromo piden que se tomen medidas preventivas máis amplas. Por iso é polo que propoñen o peche temporal do centro educativo.

A asociación insiste en que con ese peche "estaremos evitando que se sega a espallar o virus, fundamentalmente, entre persoas asintomáticas".