As familias pontevedresas que non dispoñan de ningún tipo de ingreso ou que os que teñan non sexan suficientes para garantir necesidades vitais "básicas" como alimentación, vestimenta, teito, luz e auga, poderán solicitar ao Concello unha renda social básica.
Os solicitantes deberán ser veciños do municipio cunha antigüidade de polo menos seis meses. A renda será dun mínimo de 532 euros por unidade familiar e incompatible coa Risga e pensións non contributivas. A contía da prestación calcularase por unidade familiar. Poderase cobrar durante un espazo de doce meses.
Estímase que en Pontevedra son unhas 40 familias as que se atopan nesta situación e que poderían ser beneficiarias destas axudas.
O concelleiro de Marea Pontevedra, Luís Rei, confía en que esta medida estea vixente ao terminar o próximo verán. A iniciativa forma parte do compromiso alcanzado polo goberno local do BNG con Marea para obter o apoio deste grupo político na aprobación dos orzamentos deste ano.
Ao próximo pleno municipal irá unha modificación de crédito que inclúe unha partida de 400.000 euros destinados a esta iniciativa.
Paralelamente, Luís Rei presentou o borrador da ordenanza que regula a concesión desta renda social e que agora deberá ser acordada.
Inspirándose nas ordenanzas vixentes nos concellos de Santiago e A Coruña, Marea propón que a contía da prestación se calcule por unidade familiar e en base ao IPREM (Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples), que marcará o mínimo para percibir para unha familia dun único compoñente e que sería segundo a proposta de Marea de 532 euros, ata un máximo do 150% sobre o IPREM para as familias con seis ou máis membros.
A vicecoordinadora de Marea, Herminia Dios, sinalou que a ordenanza deberá incluír fórmulas que permitan prorrogar esta renda unha vez esgotado o ano inicial se a situación de desamparo persiste e os informes dos Servizos Sociais así o aconsellan.
Marea optou pola elaboración dunha ordenanza co propósito de que esta medida se consolide e teña continuidade no tempo.