A 2,7 millóns de euros ascende a modificación de crédito aprobada este venres pola corporación municipal. Fíxoo grazas ao apoio que o BNG atopou en Marea. O resto da oposición votou en contra. Con ese diñeiro, entre outras cuestións, o Concello comprará un local na rúa dos Ferreiros e financiarase unha renda social básica para familias sen recursos.
A falta de que se concrete nunha ordenanza que xa se está redactando, esta renda social é unha prestación económica para persoas que non teñen ingresos económicos suficientes para facer fronte dunha maneira digna ao pago de necesidades básicas como son a alimentación, a vivenda, a roupa, o material escolar ou as subministracións básicas de luz, auga e electricidade.
As estimacións iniciais sinalan que 48 familias beneficiaranse durante un ano desta renda, cobrando 692 euros ao mes cada unidade formada por catro membros.
Marea, impulsor desta iniciativa, celebrou que se haxa "despexado" o camiño para que persoas en situación de "vulnerabilidade" poidan contar con "recursos básicos", segundo destacou o seu portavoz, Luís Rei.
Nesta modificación de crédito incluíuse tamén outra das emendas presentadas no seu día por Marea ao orzamento municipal de 2017, unha partida de 205.000 euros para a adhesión de Pontevedra ao plan de transporte metropolitano da Xunta de Galicia.
Pero, sen dúbida, o asunto que xerou máis polémica foi a compra do local na rúa dos Ferreiros no que o Concello pretende unificar os servizos de urbanismo, tesourería e xestión tributaria, que custará algo máis dun millón de euros ás arcas municipais.
O edil de Facenda, Raimundo González, reiterou que con esta adquisición o Concello mellorará "substancialmente" as condicións de traballo dos funcionarios municipais e a atención ao cidadán. Ademais, sinalou que os técnicos acreditan que o prezo que se pagará é inferior ao do mercado e o inmoble é "idóneo" para o seu uso administrativo.
Os socialistas, a través de Agustín Fernández, reiteraron que esta compra é "inadmisible e indefendible", xa que non está avalada por ningún estudo "serio e rigoroso" e denunciou que "non é serio" que un goberno de esquerdas realice esta adquisición. "Temos cartos para pagarlle un local a un banco e non para as necesidades da cidadanía", explicou.
Rafael Domínguez, pola súa banda, acusou ao BNG de "improvisación" ao apostar por un "nuevo parche" para solucionar o problema de espazo que sofre o Concello, en lugar de buscar unha solución "definitiva". Pola súa banda, a portavoz de Cidadáns, María Rey, asegurou que os asuntos incluídos nesta modificación "non son necesarios nin urxentes".
O único apoio do BNG volveu estar en Marea. Luís Rei defendeu que a necesidade de que o Concello reúna nunha única sede todas as súas dependencias pero, como iso "non se albisca posible a curto prazo", considera unha boa solución a compra deste local, ao aumentarse o patrimonio municipal, unificar servizos ou dignificar o traballo dos funcionarios.
Xunto a estes asuntos, a modificación de crédito aprobada inclúe 420.000 euros para os composteiros comunitarios de Campolongo e Monteporreiro, 390.000 euros para renovar os sistemas de comunicación interna da Policía Local e Bombeiros, 137.000 euros para obras no CITA ou 69.000 euros para o programa Noites Abertas, ao non convocarse a axuda do Goberno central que financiaba esta actividade.
Raimundo González resumiu que todos estes asuntos permitirán mellorar os servizos que o Concello presta aos cidadáns. Os socialistas presentaron unha emenda para dar un enfoque "máis social" a este diñeiro, que foi rexeitada por BNG e Marea e a abstención do PP.
Os populares lamentaron que o "único logro" do Concello neste mandato fora a construción dun banco na Ferrería, o que supón, segundo Rafael Domínguez, un "triste legado" para un goberno "que se ha perdido entre el aburrimiento y la fatiga".