Só queda entregar o talón para que o Concello adquira o novo local municipal

Pontevedra
12 de xuño 2017

A Xunta de Goberno aprobou este luns a compra destas oficinas na rúa Ferreiros, que acollerán servizos de urbanismo e recadación. Os técnicos xa revisaron as instalacións para acometer as melloras necesarias para o traslado

Local da rúa dos Ferreiros que comprará o Concello
Local da rúa dos Ferreiros que comprará o Concello / Mónica Patxot

A Xunta de Goberno de Pontevedra aprobaba este luns a compra das oficinas da rúa Ferreiros, fronte á rotonda de Concepción Arenal. Os únicos trámites que faltan, segundo o portavoz do goberno local Raimundo González, son os da entrega do talón e as xestións notariais. 

A compra realizaríase por unha cifra de 1.152.000 euros e o Concello de Pontevedra quedaría cun espazo de 1.316 metros cadrados no que se instalarán os servizos de Urbanismo e de Recadación.

Raimundo González indicou que os técnicos xa visitaron as instalacións e agora desenvolverán un programa de necesidades e tamén un diagrama de fluxo de persoal. Ademais redactarán o proxecto que, desde o goberno local, se calcula estará finalizado en dous meses para, a continuación, contratar a obra. O portavoz afirmou que se están cumprindo os prazos previstos.

 O espazo tamén será sometido a obras para que sexa totalmente accesible e estudaranse fórmulas para que o ascensor do edificio sexa independente das oficinas municipais.

Desde o goberno local enténdese que este novo local supoñerá unha mellora na atención da cidadanía, ademais de ofrecer maior comodidade para os funcionarios.