As farmacias de Pontevedra solidarízanse coa diabete

Pontevedra
06 de abril 2016

O día 7 de abril é o Día Mundial da Saúde que este ano está dedicado á diabete. Por este motivo as farmacias de Pontevedra informarán e sensibilizarán sobre os hábitos de vida que inciden nesta enfermidade

Farmacia na rúa Benito Corbal Mónica Patxot

As farmacias da provincia de Pontevedra con motivo da celebración do día mundial da saúde, que este ano está dedicado á diabete, poñen en marcha unha campaña sanitaria baixo o lema "¡Implícate para previla! A túa farmacia axúdache".

Segundo a OMS, unha elevada porcentaxe dos casos de diabete son prevenibles. O cambio no estilo de vida, o mantemento do peso normal, a realización de actividade física periódica e unha dieta sa, son medidas eficaces para previr ou atrasar a aparición da diabete de tipo 2.

Ao longo do día 7 de abril, as farmacias realizarán test de diabete aos cidadáns que así o desexen.

Ademais, o farmacéutico asesorará aos interesados sobre hábitos de alimentación e vida saudables, para iso contarán con material de apoio editado polo Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra.

Con esta campaña preténdese contribuír á consecución dos obxectivos do Día Mundial da Saúde 2016: intensificar a prevención, mellorar a atención e reforzar a vixilancia sobre a enfermidade.