As Festas das Dores encherán Ponte Caldelas de actividades durante os próximos cinco días

Ponte Caldelas
25 de agosto 2022

Ponte Caldelas, tras dous anos de pandemia, recupera as súas Festas das Dores en todo o seu esplendor. A vila ten por diante cinco días de troula e sen apenas descanso

Presentación da programación das Festas das Dores
Presentación da programación das Festas das Dores / Concello de Ponte Caldelas

Ponte Caldelas, tras dous anos de pandemia, recupera as súas Festas das Dores en todo o seu esplendor. A vila ten por diante cinco días de troula e sen apenas descanso.

Xa desde este venres haberá atraccións para a cativada na Praza de España e detrás da Casa da Cultura e o mércores terá lugar o Día do Neno, no que as atraccións serán máis baratas.

Ás 21.30 horas horas será a actuación de Son das Tabernas e á medianoite comezará o festival Caldelas Xoven, o festival de DJ que este ano trae á Alameda de Ponte Caldelas a GFace, Del Puerto, Dumore, Enter, Rokiño, Maqui e Juanma López.

O sábado ás 13:30 horas actuará a Banda de Música de Mondariz e ás 20:00 horas será a Procesión das Dores. Ao remate, será o Festival Folclórico Internacional cos grupos EF Esperteyu (Asturias), a Asociación Coros y Danzas de Peligros (Granada) e o Grupo Folclórico Coribantes.

A noite rematará coa actuación da Orquestra Fania Blanco Show e grupo Noche de Estrellas.

Xa o domingo, o vermú estará amenizado pola Banda de Música Unión Musical de Tenorio e ás 21.30 horas terá lugar o concerto de Luar na Lubre. A noite completarase coa verbena na que será protagonista a orquestra Olympus.

Continúa a festa o luns 29 co vermú amenizado pola Banda de Música Cultural de Arcade. Ás 21.30 horas celebrarase o Festival Son de Ponte Caldelas, no que participan Acordeóns de Ponte Caldelas, Pandereteiras do Olivar, O Torreiro de Forzáns, Pandereteiras de Regodobargo e Os Xeitosos da Insua. Ao remate haberá verbena co Grupo Claxxon.

O día grande, o martes 30, a sesión vermú será coa Banda de Música de Redondela e coa tradicional procesión das Dores, ás 20.30 horas, acompañada pola Banda de Gaitas Os Coribantes, a Banda de Guerra da Brilat e por primeira vez a Escuadra de Gastadores da Brilat.

O broche de ouro das festas chegará coa tradicional verbena que se estende durante toda a noite e remata entrada a mañá, ás 8.00 horas, e que contará nesta ocasión coa actuación de tres orquestras: Miramar, Magos e América de Vigo.

A programación da Festa das Dores complétase coa I Carreira Popular Festa das Dores, que terá lugar o venres ás 20.00 horas; e cunha exhibición de kickboxing que terá lugar o luns ás 12.00 horas na Alameda de Ponte Caldelas.