Aínda queda que as Festas das Dores poñan o punto final ao mes e á programación festiva, co seu día grande previsto para este martes 30 de agosto, pero o goberno local xa fai balance do que está a ser un verán "absolutamente espectacular" no número de visitantes.
A Xunta de Goberno, composta polos representantes de PSdeG-PSOE, AVP e BNG, mostrou a súa satisfacción por uns datos que sinalan que, cando conclúan as Festas das Dores, participarían na programación festiva e cultural durante os meses de xullo e agosto "máis de 50.000 persoas".
"Creo que non deberiamos falar sen máis de festas, porque máis ben son actividades de todo tipo que teñen como fin primordial atraer visitantes e tirar todo o posible do sector servizos", sinalou o alcalde, Andrés Díaz.
Entre os eventos máis destacados para o equipo de goberno sitúanse o concurso Caldelas Tapas, a Festa Gastronómica da Emigración ou a Subida Automobilística, ademais dun agosto cultural coa música e o teatro como protagonistas.
A estes actos uniuse a pasada fin de semana o festival de música electrolatina 'Caldelas Xove' e as verbenas de sábado e domingo que encheron de ambiente o centro da localidade.