As festas de Seixo e o Día de Galicia animarán a fin de semana en Marín

Marín
23 de xullo 2021

Marín seguirá gozando do verán coa celebración das festas de Seixo e do Día de Galicia. Para iso, o Concello ten preparados concertos, actividades e a colocación dunha alfombra floral con motivos do Camiño de Santiago 

Presentación das festas de verán de Seixo
Presentación das festas de verán de Seixo / Concello de Marín

As festas de Seixo e o Día de Galicia serán as encargadas de animar este fin de semana aos habitantes da vila marinense.

Cunha programación adaptada á situación sanitaria, despois das festas do Carme chegan as de Seixo coa animación de Los Coleguitas no entorno da Praza de Abastos a partir das 23:00 horas.

O sábado, de 11:00 a 14:00 horas, ofrecerán actividades infantís na Alameda, e a partir das 12:30 horas, Os Saljariteiros amenizarán a velada na Praza de Seixo.

Xa á noite, concretamente ás 21:00 horas, a Banda de Música Musimarín dará un concerto na Alameda e, ás 23:00, o grupo Raúl&Cía pecharán a velada.

Por último, o domingo 25 de xullo, Día de Galicia, o Concello de Marín colocará unha alfombra floral con motivos típicos do Camiño de Santiago, unha traseira na Alameda na que a veciñanza poderá facerse fotos e outra na contorna da Praza, acompañados dos integrantes de Trompos os Pés que tocarán cancións típicas da nosa terra.