Marín entrou esta fin de semana de cheo nos días grandes das festas do Carmen. A entrada chegou este sábado co concerto central da programación, do grupo Efecto Pasillo, que encheu o parque Eguren ata os topes.
Tras a actuación estrela do programa, foi a quenda do DJ Dani Moreno no mesmo escenario mentres na praza de España o público gozaba da orquestra La Ola ADN. Unha noite cargada de música na que Marín encheuse, como adoita habitual nos días grandes das festas patronais.
Ademais, durante esta fin de semana xa se puido gozar dunha das iniciativas novidosas do Concello para estas festas: entre as 18.00 e as 19.00 horas, as atraccións da feira restrinxiron a música para facilitar que poidan gozar desta oferta de lecer nenos con autismo, asperxer ou calquera tipo de problema nervioso.
A iniciativa continuará durante todos os festexos en resposta á petición da familia dun neno con trastorno de espectro autista que o Concello trasladou aos responsables das atraccións. Os feirantes aceptárono e será unha realidade durante toda a semana festiva.
O Concello de Marín tamén apostou este ano pola accesibilidade e a redución das barreiras que puidesen dificultar que persoas con mobilidade reducida gocen das festas. Así, nas actuacións das orquestras da praza de España e nos concertos do parque Eguren facilítase o uso dunha rampla sinalizada para poder gozar das festas con comodidade.
Consulta aqui o programa completo das festas do Carmen de Marín.