As filloas máis integradoras cocíñanse con Aspace en Pepe Vieira

Pontevedra
14 de novembro 2017

O concurso gastronómico "En Aspace Cociñamos Xuntos", organizado pola Federación Aspace-Galicia, chegou este martes ao restaurante Pepe Vieira Camiño da Serpe, que acolleu a segunda fase do certame. Gañou o equipo formado por Diego Moares, Esteban López e David Villaverde 

Concurso 'En Aspace Cociñamos Xuntos' no restaurante Pepe Vieira Camiño da Serpe de Raxó
Concurso 'En Aspace Cociñamos Xuntos' no restaurante Pepe Vieira Camiño da Serpe de Raxó / Aspace Galicia

O concurso gastronómico "En Aspace Cociñamos Xuntos", organizado pola Federación Aspace-Galicia (Federación Galega de Parálise Cerebral), chegou este martes ao restaurante Pepe Vieira Camiño da Serpe. O establecemento de Poio acolleu a segunda fase do certame. 

Na actividade organizada este martes participaron nove parellas compostas por unha persoa con parálise cerebral acompañada dun familiar ou profesionais da entidade. Todos elaboraron os seus menús centrándose nas filloas. Elaboraron interesantes e atractivas propostas gastronómicas e, como novidade, os usuarios puideron presentar as súas receitas en pictogramas e en modo texturizado.

Finalmente, o equipo formado por Diego Moares, Esteban López e David Villaverde gañou a semifinal pontevedresa e pasará á final. O xurado estivo formado por Xosé Torres Cannas do Restaurante Pepe Vieira, e Julio Sotomayor, de Nova, en Ourense, ambos os membro de Grupo Nove; ademais do blogueiro gastronómico Alberto Rivas de "Máis grelos". 

Os gañadores da semifinal levaron un lote de produtos gourmet cedidos polas empresas colaboradoras Leite Larsa, Cervexa Meiga, Fariñas Reyes, Portomuiños, Aceites Abril, Segredos de Galicia, Hifas da Terra e Mel de Galicia.

A próxima semifinal será o 23 de novembro. Os participantes de APAMP Vigo reuniranse no centro de APAMP en Navia. Os gañadores das tres semifinais acudirán á final, prevista para o 29 de novembro na Escola Naval Militar de Marín.