As Forzas Armadas, máis próximas que nunca para celebrar o seu día

Pontevedra
27 de maio 2017

Centos de persoas achegáronse á Alameda de Pontevedra para coñecer e manexar os materiais que emprega a Brigada de Infantería Lixeira (Brilat), con protagonismo dos máis pequenos. A Escola Naval Militar celebrou o Día das Forzas Armadas cunha parada militar

Exposición de material da Brilat na Alameda polo Día das Forzas Armadas
Exposición de material da Brilat na Alameda polo Día das Forzas Armadas / PontevedraViva

O Día das Forzas Armadas deixouse notar este sábado en pleno centro de Pontevedra coa exposición de materiais organizada pola Brigada de Infantería Lixeira (Brilat), con base en Figueirido.

Centos de persoas achegáronse á Alameda para ver de preto os vehículos e tecnoloxía que utilizan os militares españois nas súas misións, facendo sorrir e gozar especialmente os máis pequenos.

Armamento, telecomunicacións, un robot teledirixido para a desactivación de bombas e minas, coches blindados e ata o aguia que representa á Brilat foron algunhas das atraccións da xornada, sempre baixo a supervisión e bo humor dos soldados do exército de terra.

Tamén en Marín viviuse con intensidade o Dia das Forzas Armadas, no seu caso cunha parada militar na Escola Naval e un desfile do batallón de alumnos.

Ademais, prolongando a celebración, a Escola Naval realizará este domingo 28 de maio unha xornada de portas abertas que incluirá actividades lúdico-deportivas para os máis novos e visitas guiadas polo simulador de navegación, o planetario, á biblioteca central e ata ao helicóptero da 6ª Escuadrilla FLOAN que se atopa no heliporto da base marinense, todo en horario de 10:00 a 13:00 horas.