As Galerías da Oliva volveron a converterse nun xigante e ateigado salón de costura. A tenda de Lanas Teresa Tobío organiza cada ano, coincidindo co Día Mundial de Tecer en Publico, unha sesión grupal de calceta, ganchillo ou calquera técnica de costura. Con todo, a pandemia truncou unha tradición que regresou este 2023, na súa oitava edición, coa mesma forza que sempre tivo.
Con todo, o escenario non é o mesmo. O corte dunha parte das galerías pola demolición dun dos edificios deixou este centro comercial orfo de transeúntes. "Nótase unha chea, as galerías no verán están mortas. Antes tiñamos moito tránsito de paso, agora só veñen o clientes habituais", lamenta Mónica Pérez, organizadora do evento no que este ano tamén colabora a asociación de comerciantes das galerías.
Ao longo das tres horas de duración da xornada, reuníronse ao redor das incontables mesas que encheron os corredores deste emblemático centro comercial pontevedrés preto de 70 persoas de todas as idades. "Temos desde unha nena de 7 anos ata a miña avoa, que ten 96", ilustra Pérez, puntualizando que a maior parte das asistentes ten entre 40 e 60 anos. "Esta vez, vinteañeiras viñeron poucas".
A calceta e o ganchillo son as modalidades que máis triunfan entre as afeccionadas á agulla, que se reúnen en Pontevedra por primeira vez desde o estalido da pandemia. "Non volvemos antes porque aínda estabamos coas vacinas, coa distancia de seguridade e daba un pouco de cousa reunir a tanta xente, pero agora que parece que a vida volveu á normalidade, decidimos retomalo", explica Mónica.
Para dinamizar o evento, ademais do agasallo inicial por inscribirse consistente nunha botella de auga e un bote de mirabeles cedido polo Concello, a organización realizará sorteos de las e material de costura entre os participantes.