As ludotecas de Nadal desdóbranse en función das idades e o idioma: galego ou inglés

Pontevedra
02 de decembro 2014

Celebraranse do 22 de decembro ao 7 de xaneiro, cubrindo así o período vacacional. O horario mantense, dende hai tres anos, entre as 9 e 14 horas, co obxectivo de equiparalo ao escolar e facilitar ao máximo a conciliación da vida familiar e laboral

Presentación das ludotecas de Nadal no Concello de Pontevedra
Presentación das ludotecas de Nadal no Concello de Pontevedra / Mónica Patxot

O Concello de Pontevedra presentou as Ludotecas de Nadal, un programa impulsado por Fanpa Pontevedra, dirixidas a nenos de 3 a 12 anos.

Celebraranse do 22 de decembro ao 7 de xaneiro, cubrindo así o período vacacional. O horario mantense, dende hai tres anos, entre as 9 e 14 horas, co obxectivo de equiparalo ao escolar e facilitar ao máximo a conciliación da vida familiar e laboral.

Ademais hai posibilidade de amplialo para chegar ao abano das 8.30 ás 14.30 horas.

O programa municipal de ludotecas mantense sen recortes, subliñou o concelleiro de Educación, Agustín Fernández, na presentación desta iniciativa, na que estivo acompañado do presidente da Federación de Asociacións de Nais e Pais (Fanpa-Pontevedra), Rogelio Carballo, que destacou que as empresas presentaron ofertas "moi valiosas" e caracterizadas pola innovación con respecto a anos anteriores.

Entre outras propostas moi variadas escolleuse a da empresa Abrakadabra que se  encargará destas ludotecas ao presentar unha oferta específica para cada grupo de edad.

O número total de prazas ofertadas é de 190 e desdóbrase en función das idades e o idioma: galego ou inglés. O ⿿Ludonadal⿝ para os alumnos de Infantil leva por título ⿿O Nadal percorre o mundo⿝. O eixe temático para os alumnos de Primaria será ⿿O Nadal das Estacións⿝. Finalmente, a ludoteca en inglés chámase ⿿Os Valores⿝. En canto aos lugares de celebración serán os colexios de Campolongo (50 prazas), Barcelos (50 prazas para a ludoteca en inglés), Vilaverde (30 prazas), Cabanas (30 prazas) e Marcos da Portela (30 prazas).

A novidade deste ano chega coa oferta de dous obradoiros, nos que se pode participar por horas e con independencia da inscrición dos nenos na ludoteca, para crear figuriñas de de Nadal con arxila ou para elaborar un conto a través dunha aplicación para "tabletas" dixitais.

O prazo de presentación de solicitudes está aberto dende este venres, 5 de decembro, ata o xoves, día 11. As persoas interesadas deben dirixirse á oficina da Fanpa (rúa de Xan Guillermo, 9). O formulario de inscrición pode descargarse xa en www.nontedurmas.org. O prezo oscila entre os 25 e os 40 euros.