As medidas de seguridade vial do centro urbano chegan ao rural cunha primeira obra en Campañó

Pontevedra
09 de xuño 2014

Os estándares de calidade urbana que dende este luns se levarán a Cabaleiro supoñen a mellora da seguranza viaria, a eliminación de barreiras, o calmado do tráfico con medidas como plataformas únicas, velocidades de 20km/h ao ser espazos de preferencia peonil, materiais e acabados propios do centro urbano, pero respectando sempre o carácter rural da zona

Obras no lugar de Cabaleiro, Campañó
Obras no lugar de Cabaleiro, Campañó

Este luns comezan os traballos para a reurbanización do núcleo rural de Cabaleiro, na parroquia de Campañó, que se realizará cos mesmos niveis de calidade e estándares de seguranza viaria xa implantados no centro da cidade. 

Segundo informou o Concello a través dun comunicado, eses estándares de calidade urbana que agora se levarán a Cabaleiro, supoñen a mellora da seguranza viaria, a eliminación de barreiras, o calmado do tráfico con medidas como plataformas únicas, velocidades de 20km/h ao ser espazos de preferencia peonil, materiais e acabados propios do centro urbano, pero respectando sempre o carácter rural da zona. 

Esta actuación en Campañó será a primeira destas características que pon en marcha o Concello de Pontevedra nun núcleo rural, dentro do propósito municipal de elevar os estándares de calidade no rural. Ao respecto, dende o Goberno local remarcan que só é posible poñer en marcha este tipo de accións nos denominados núcleos de centralidade parroquial, é dicir, lugares de concentración e encontro de veciños, como é o caso de Cabaleiro. 

O obxectivo é integrar a praza do cruceiro de Cabaleiro, onde conflúen tráfico peonil con rodado, de xeito ordenado e seguro. Polo tanto, farase unha plataforma única na que a calzada terá un ancho de 5 metros, e irá acompañada da canalización de augas pluviais. Atravesará a praza, que estará dividida en dúas zonas peonís.

Peonalizarase cun adoquín similar ao de Gutiérrez Mellado

Ademais, a calzada terá un pavimento de asfalto sobre o que se imprimirá un material antideslizante en cor para favorecer a adherencia dos vehículos. Instalaranse lombos redutores de velocidade. E disporá de sinalización horizontal e vertical con velocidade máxima 20km/h. 

Ao respecto das dúas zonas peonís, terán un pavimento de adoquín (similar ao da rúa Gutiérrez Mellado), e estarán separadas da calzada cuns pequenos muros de pedra a dúas caras que poderán facer as veces de bancos. 

A obra terá un custo de 173.050 euros