As melloras enerxéticas no CEIP de Tenorio ascenden a 510.000 euros

Cerdedo Cotobade
19 de agosto 2019

As obras consisten na mellora da eficiencia enerxética do centro substituíndo a caldeira de gasóleo por unha de biomasa, o cambio das persianas por unhas de aluminio con illamento térmico ou a instalación de luces LED, entre outras

Visita ás obras do CEIP de Tenorio Concello de Cerdedo-Cotobade

Durante a mañá deste luns, Carmen Pomar, concelleira de Educación, Universidade e Formación Profesional visitou as obras de rehabilitación enerxética do CEIP Tenorio.

A actuación consiste na mellora da eficiencia enerxética do centro educativo, contemplando a substitución de carpinterías por unhas novas de aluminio con rotura de ponte térmica, cambio nas persianas por outras de aluminio con illamento térmico e renovaranse os tabiques interiores para mellorar a acústica. Tamén se illará a fachada para mellorar o confort térmico e o baixo cuberta con paneis de lá de roca.

Con respecto ao sistema de calefacción, mellorarase a instalación e cambiarase a caldeira de gasóleo por unha de biomasa, renovaranse falsos teitos e instalaranse loces LED e equipos de detección de movemento.

No exterior renovaranse os canalóns e baixadas no patio cuberto e colocarase nova carpintería exterior no ximnasio con motorización das fiestras máis altas.

O obxectivo é que o traballo estea terminado ao comezo do curso escolar, sinalou a concelleira que estivo acompañada polo alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, e polo delegado da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís. 

As obras, que ascenden a case 510.000 euros, están enmarcadas no Plan de Dotación de Infraestruturas Educativas, que ampliou a súa vixencia ata o ano 2021.