"As mulleres africanas temos que crer en nós mesmas. Podemos chegar a onde queiramos e conquistar o mundo"

Pontevedra
13 de xuño 2024

Hai oportunidades que te cambian a vida. Como recibir unha bolsa para saír de África e formarte nunha universidade española. Iso pasoulle ao milleiro de mulleres que, nos últimos dez anos, participaron no programa Learn África

Sheila Ramos e Hanane Edouairi, estudantes do programa Learn África na Universidade de Vigo
Sheila Ramos e Hanane Edouairi, estudantes do programa Learn África na Universidade de Vigo / PontevedraViva

Hai oportunidades que te cambian a vida. E, de paso, tamén a da xente que te rodea. Como recibir unha bolsa para saír de África e formarte nunha universidade española. Iso pasoulle ao milleiro de mulleres que, nos últimos dez anos, participaron no programa Learn África.

Dous delas, Sheila Ramos e Hanane Edouairi, naturais de Cabo Verde e Marrocos, quixeron compartir con PontevedraViva as súas experiencias vitais como beneficiarias desta iniciativa, impulsada pola fundación Mujeres por África.

Ambas están a estudar na Universidade de Vigo, concretamente no máster en ciencias e tecnoloxía agroalimentaria e ambiental, que se imparte no campus de Ourense.

"Está a ser unha experiencia moi enriquecedora porque eu nunca tivera unha educación de calidade", explicou Edouairi, que celebra atopar en Galicia "xente que me apoia moito para alcanzar as miñas metas", entre eles os seus profesores e os seus compañeiros.

Recoñece que deixar o seu país e vir a España "foi unha viaxe de crecemento persoal e profesional que cambiou a miña vida". Aquí, segundo explicou, "estou a aprender moitas cousas", entre elas o castelán e a cultura española.

En Marrocos, Hanane Edouairi xa estudaba enxeñería de procesos industriais e medio ambiente "e agora estou a completar a miña formación". O que aprenda aquí quéreo trasladar ao proxecto que impulsa no seu país sobre enerxías renovables.

"Este programa é moi importante para mozas como eu", sinalou.

Sheila Ramos, pola súa banda, coincide en que a experiencia neste programa formativo "está a ser magnífica", xa que lle deu a oportunidade de "enfrontar os mellores desafíos da miña vida", entre eles un cambio de país, de idioma e de cultura.

Chegou a Ourense en setembro "e estou a vivir os mellores momentos da miña vida", sostén esta moza caboverdiana, que confía en que a súa formación en España "contribúa ao desenvolvemento da miña illa e do meu país", reforzando ao mesmo tempo a súa propia proxección persoal.

"As mulleres africanas temos que crer en nós mesmas porque podemos chegar onde queiramos e conquistar o mundo", destaca Ramos, que vive nunha illa cunha gran produción de froita, polo que a súa formación está encamiñada a ese ámbito alimentario.

A súa idea é aplicar todos os coñecementos adquiridos no máster que estuda en Ourense sobre o terreo e experimentar coa fruticultura para enriquecer a toda a súa comunidade.

E é que ese é, sen dúbida, o obxectivo de Learn África. Non só capacitar ás mulleres africanas, senón que estas mozas revertan o aprendido nas súas propias comunidades, contribuíndo así ao desenvolvemento das sociedades africanas.