As mulleres de Pontevedra, preparadas para parar o mundo

Pontevedra
07 de marzo 2019

Este venres 8 de marzo está convocada a segunda folga de mulleres da historia para reclamar igualdade real de oportunidades e dereitos entre homes e mulleres, unha xornada de paro feminista laboral, de coidados, de consumo, estudantil e asociativa. Aquí podes consultar todos os actos de Pontevedra e comarca

Concentración feminista celebrada polo 8 de Marzo
Concentración feminista celebrada polo 8 de Marzo / PontevedraViva

Chegou o día. Este venres 8 de marzo, Día Internacional da Muller, está convocada a segunda folga de mulleres da historia para reclamar igualdade real de oportunidades e dereitos entre homes e mulleres, unha xornada de paro feminista laboral, de coidados, de consumo, estudantil e asociativa á que están chamadas todas as mulleres. Agárdase unha participación masiva e hai convocadas concentracións e manifestacións por toda a comarca de Pontevedra para demostrar o lema xeral "Sen as mulleres, para o mundo". 

A convocatoria oficial parte das centos de organizacións de índole estatal, autonómico e local, que en Galicia están articuladas arredor da plataforma Galegas 8M, e formalizouse oficialmente por parte de diversos sindicatos. Algúns, como CIG, CNT, UGT e CGT rexistraron unha convocatoria de folga xeral de 24 horas. CC.OO convocou unha folga xeral laboral de dúas horas por quenda, aínda que será  ampliable a 24 horas nalgúns sectores; USO convocou paros de dúas horas por quenda; e CSIF, paros dunha hora.

En Pontevedra, Galegas 8M convocou dos actos unitarios sen siglas en horario de mañá e tarde. Ás 13.00 horas hai convocada unha concentración na praza da Ferrería na que feministas históricas da cidade lerán un manifesto pactado a nivel galego. Ás 20.00 horas partirá unha manifestación do Hospital Provincial con remate na Alameda.

O sindicato CIG secundará ambas as dúas convocatorias e tamén convocou unha manifestación que partirá ás 12.00 horas da praza da Peregrina. Os sindicatos UGT e CC.OO. non fixeron convocatoria específica de mobilizacións e súmanse ás de Galegas 8M.

En Poio, a Concellería de Igualdade e o CIM convoca un paro no espazo situado diante do centro social e ás 11.45 horas lerase un manifesto. O Coro da Terceira Idade da Casa Rosada interpretará unha canción que prepararon para a data. 

Ademais, a Asemblea Feminista Armadiña, integrada en Galegas 8M, acudirá aos actos de Pontevedra ás 13.00 e as 20.00 horas e promove unha colgada de mandís ao redor da praza da Chousa de Combarro e pide a colaboración veciñal para colgar os seus mandís nas xanelas, facendo saber que elas tamén secundan a folga. Ademais colgaranse frases de mulleres recoñecidas ao longo da historia por toda a vila de Combarro.

En Ponte Caldelas, o Concello organizou un acto oficial a partir das 19.30 horas na Casa da Cultura coa actuación do cantautor Manoele de Felisa. Haberá unha charla coloquio con mulleres traballadores de distintos ámbitos e farase unha presentación de diversos libros escritos por mulleres e que forman parte do fondo bibliográfico de Ponte Caldelas a modo de repaso por todos os xéneros e sempre con sinatura de muller.

Estas obras formarán parte da exposición "Verbas de Mulleres" que será instalada na sala de exposicións e permanecerá ata o 20 de marzo. Ademais, o Concello habilita un libro en  branco para que todas as persoas que participen no acto ou visiten a exposición poidan plasmar nel as súas arelas ou reflexións sobre a igualdade, a loita de xénero ou as barreiras que aínda teñen que superar as mulleres.

En Marín, haberá actos organizados polo Concello e polo grupo local de Galegas 8M, integrado polo Espazo Feminista Marín e o Colectivo Feminista Zeivas. Estes colectivos fan un chamamento á participación de toda a sociedade nunha manifestación a partir das 20.30 horas. Sairá do Concello e percorrerá as rúas da vila.

Desde o Concello de Marín, a Concellería de Benestar Social facilitou globos de cor violeta aos centros educativos de Educación Infantil e Primaria co símbolo da igualdade entre mulleres e homes e anima á veciñanza a colocalos nas fiestras e balcóns das casas. Aquelas persoas interesadas en colocar globos poden recoller o material no Departamento do Rexistro do Concello ou nas instalacións do CIM. Ademais, colocaranse carteis elaborados polo alumnado de secundaria nas 'marquesinas' das rúas. 

O acto institucional oficial será no Concello ás 12.30 horas e contará coa participación de traballadoras das fábricas de elaborados do Porto de Marín.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora