A campaña 'Pontevedra Provincia na Túa Cesta' comezaba en maio, promovida pola Deputación Provincial, coa intención de que se consuman produtos locais. Agora entra nunha nova fase. Nesta ocasión, desde a institución que dirixe a presidenta Carmela Silva quérese mostrar a imaxe de mulleres que traballan no sector primario.
Nesta etapa ponse rostro e dáse voz ás mulleres que traballan no campo, no mar ou na horta, como é o caso de Mónica Silva, Teresa Míguez, Pilar Nogueira ou Marta Bugallo, que se encargan de extraer e traballar produtos artesanais.
A través dos cancelos #ElixeProdutoLocal e #ElixeIgualdade, a Deputación quere seguir amosando a igualdade ofrecendo imaxes de mulleres que realizan tarefas fundamentais con recursos da natureza na contorna das Rías Baixas, asegurando unha explotación sostible.
Trátase, ademais, dunha chamada de atención para axudar a sectores que se viron moi afectados pola crise económica derivada da expansión da Covid-19 promocionando o consumo de produtos de proximidade e, ao mesmo tempo, achegando visibilidade ás persoas que traballan na elaboración destes produtos.