A Xunta de Galicia informou que o grao de execución das obras do Gran Montecelo acadaron xa o 34,45%. Esta primeira fase do novo hospital comezou en maio do ano 2021, sendo adxudicada por un importe 129.930.254 euros.
O Executivo autonómico afirma que despois de 19 meses de traballos, realizados nos prazos previstos a pesar da crise de materiais e o paro do transporte, a execución do novo Montecelo pasa arestora por unha fase transcendental que modificará a estrutura do complexo ata convertelo nun inmoble recoñecido e recoñecible.
Este domingo a Xunta fixo balance das melloras en equipamento e infraestrutura realizadas no 2022 na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés.
Ademáis de Montecelo, o Goberno galego lembra que no mes de marzo adxudicouse por un importe de 744.000 euros a obra de reforma e ampliación da área de esterilización do Hospital do Salnés. Un investimento que posteriormente se complementou coa adxudicación en outubro do equipamento por 567.000 euros.
E dentro do Plan de Infraestruturas de Atención Primaria, na área sanitara de Pontevedra e O Salnés, en xaneiro de 2022 asinouse o convenio co Concello de Vilagarcía para a construción do novo centro de saúde no espazo da antiga Comandancia. A redacción do proxecto foi licitada en marzo, adxudicándose en setembro por 379.000 euros. Neste intres, atópase en fase de redacción. O investimento previsto para a súa construción superará os 10 millóns de euros.
Do mesmo xeito, no mes abril asinouse o protocolo polo que o Concello de Moraña comprométese a modificar o plan urbanístico e realizar os trámites oportunos para a transmisión en pleno dominio da parcela libre de cargas e gravames, para poder levar a cabo as obras de reforma e ampliación do centro de saúde de Moraña.
Xa en outubro, tivo lugar a sinatura do convenio co Concello de Meis para a construcción dun novo centro de saúde que contará con preto de 1.000 metros cadrados, e que substituirá as actuais instalacións sanitarias, empregadas durante os últimos 30 anos
Así mesmo, procedeuse coa sinatura do convenio co Concello de Soutomaior, que permitirá a construción dun novo centro de saúde. Neste 2023 procederase a licitación da redacción do proxecto construtivo.
No 2022 asinouse tamén un convenio co Concello de Campo Lameiro para proceder a unha segunda fase da renovación do seu centro de saúde, por importe de 110.000 euros.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.