As obras da rede de sumidoiros en Pereiro-O Pozo comezarán en abril

Marín
10 de marzo 2015

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas adxudicou este contrato de obra hidráulica por un importe de 522.000 euros á empresa Sevitec Medioambiente

Ethel Vázquez preside a reunión de saneamento no Concello de Marín
Ethel Vázquez preside a reunión de saneamento no Concello de Marín / Xunta de Galicia

A consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas adxudicou o contrato de obra hidráulica por un importe de 522.000 euros á empresa Sevitec Medioambiente para iniciar as obras da rede de sumidoiros en Pereiro-O Pozo en Marín no mes de abril.

Estas obras conectarán os núcleos de Pereiro e O Pozo, que actualmente non contan cun servizo de saneamento e consistirán na instalación de case un quilómetro de colectores por gravidade e dous bombeos, un cunha capacidade de 3,5 litros/segundo e outro de 11.8. Dende cada un dos bombeos parte unha impulsión de 215 e 485 metros de lonxitude.

Trátase dun dos dous proxectos para o saneamento desta zona que en total alcanzan un investimento dun millón de euros. O segundo dos proxectos corresponde ao saneamento de Pereiro-Cadrelo, segundo informa a Consellería. Contará cun investimento de 540.000 euros e será licitado este mesmo mes. Estas actuacións recóllense nun convenio asinado en 2010 entre a Xunta e o Concello.