COVSA será a empresa que execute as obras da segunda fase da humanización interior de Tenorio. A mesa de contratación elixiu a súa oferta entre as once propostas recibidas. Cobrará uns 349.000 euros, un 30% menos do que figuraba no prezo de licitación.
A Xunta achegará o 70% do custe total destes traballos, mentres que o Concello de Cerdedo-Cotobade terá que asumir o 30% restante.
As obras, que comezarán a executarse a partir do día 20 deste mes, permitirán rematar a humanización da travesía interior de Tenorio, "un compromiso que tiñamos asumido ante a veciñanza e que agora se convertirá nunha realidade", destacou o alcalde, Jorge Cubela.
Esta actuación supón completar un itinerario peonil de 600 metros da estrada, pola marxe dereita, dándolle continuidade ao xa habilitado con anterioridade na primeira fase.
O proxecto suporá demoler as beirarrúas existentes, que están moi deterioradas e teñen un ancho variable, substituíndoas por unhas novas, máis anchas e accesibles, ao igual que xa se fixo na primeira fase.
Tamén se van limpar ou renovar as redes de saneamento e pluviais, mellorarase a iluminación, soterrarase parte da canalización aérea existente e nos pasos de peóns vaise instalar iluminación horizontal e vertical.
O proceso de humanización de Tenorio prevé responder ás necesidades da veciñanza e contribuirá a mellorar a imaxe exterior desta zona e dotala de servizos e infraestruturas que melloren a calidade de vida dos residentes a medio e longo prazo.