Trinta familias dos centros educativos de Tenorio e Carballedo benefícianse do Plan Concilia Mañás

Cerdedo Cotobade
21 de setembro 2023

O Concello de Cerdedo-Cotobade sacou a concurso público o servizo por un prezo de saída de 34.000 euros e os pais teñen que aportar 36 euros ao mes no que se inclúe o almorzo dos cativos

Unha nena comendo
Unha nena comendo / Mónica Patxot

O alcalde do Concello de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, visitou este xoves aos nenos usuarios do Plan Concilia Mañás do que se benefician, inicialmente, unhas 30 familias dos centros educativos de Tenorio e Carballedo e coa posibilidade de ampliar a Cerdedo en función da demanda existente xa que de momento non acadaron o mínimo de 6 solicitantes.

O Concello sacou a concurso este servizo por un prezo de saída de 34.000 euros anuais para que o adxudicatario se ocupara de atender a demanda neste sentido en todo o municipio. As familias teñen que pagar por usar este servizo 36 euros ao mes e inclúese o almorzo para os cativos.

Este servizo entrou en funcionamento dando cobertura nesta fase inicial a 21 alumnos do CEIP de Tenorio e do Instituto e a 9 nenos do CEIP de Carballedo.

Os beneficiarios deste servizo teñen a vantaxe de ser atendidos por persoal cualificado mentras non empeza a actividade lectiva e os que así o desexen poderán almorzar si non o fixeron nos seus domicilios por falta de tempo.

Jorge Cubela cualificou este servizo de "vital e moi operativo para impulsar medidas encamiñadas a fixar poboación no noso municipio, favorecer a conciliación laboral e familiar e axudar ás familias que deste xeito dispoñen dunha ferramenta moi importante para ter atendidos aos seus fillos mentras van camiño do traballo ou se incorporan á súa xornada laboral".

O alcalde sinalou que este servizo manterá unha "coordinación constante" entre o Concello, a comunidade educativa e as familias "que terán a posibilidade de colaborar para que teña o mellor funcionamento posible".