As obras da senda entre Major e Portonovo comezarán esta primavera

Sanxenxo
26 de decembro 2018

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, salientou este mércores en Sanxenxo a transformación que se está a levar a cabo na estrada PO-308, cun investimento superior aos 15 millóns de euros

Sendas na estrada PO-308
Sendas na estrada PO-308

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, salientou este mércores en Sanxenxo a transformación que se está a levar a cabo na estrada PO-308, cun investimento superior aos 15 millóns de euros.

Segundo a conselleira a vía que comunica Pontevedra e A Lanzada será "unha estrada máis segura, máis útil para todos os usuarios e tamén máis humana "

Vázquez Mourelle fixo estas declaracións coincidindo coa presentación do proxecto de itinerario peonil e ciclista na estrada PO-308, entre Major e Portonovo que, cun investimento de arredor de 3,4 millóns de euros, comezará a executarse esta primavera para estar a disposición dos veciños e turistas antes do verán de 2020.

Ethel Vázquez destacou que nesta intervención executaranse tamén actuacións complementarias que redunden en maior seguridade viaria.

A conselleira indicou que a nova senda, xunto ás existentes entre A Lanzada e Major, dotan aos veciños e turistas de máis de 11 quilómetros de itinerarios seguros, cun investimento superior aos 7,5 millóns de euros.

Finalmente a conselleira adiantou a próxima licitación da contratación da iluminación dos treitos da PO-308, comprendidos entre Soutullo e Portonovo, que prevé a colocación de 290 luminarias led e un investimento próximo aos 600.000 euros.