As obras de construción do campo de fútbol de herba sintética de Ponte Sampaio continúan tras o parón

Pontevedra
04 de abril 2019
Actualizado: 19:24

A UTE E.C.Casas - Imesapi retoma os traballos que deixou parados hai uns meses Ediserpo. Ata agora, atópase acondicionado o campo de xogo, pendente do céspede Nesta mesma xornada de xoves, os operarios comezaron a traballar na obra

Operarios traballando no campo de fútbol de Ponte Sampaio
Operarios traballando no campo de fútbol de Ponte Sampaio / Concello de Pontevedra

Operarios da Unión Temporal de Empresas E. C. Casas- Imesapi trasladaron todo o material para retomar as obras de acondicionamento do campo de fútbol de herba sintética que se constrúe na parroquia de Ponte Sampaio. En febreiro a empresa Ediserpo renunciaba ao proxecto, que agora a unión temporal de empresas continuará desde o punto en que quedaba paralizado. 

Este xoves Demetrio Gómez, concelleiro de Obras, confirmaba o inicio das obras, que se comezaban a acometer pasado o mediodía coa utilización de maquinaria.

O proxecto fora adxudicado por 1.163.536 euros e supón tamén a instalación dos vestiarios e da cantina, de baños públicos e dunha zona de almacéns. Tamén está previsto a derriba do anterior campo de fútbol.

O terreo de xogo novo ocupa unha parcela de 11.000 metros cadrados cunhas instalacións nas que se poderán xogar simultaneamente dous partidos de fútbol 8. 

As obras iniciáronse en agosto de 2018 cun prazo de execución de seis meses. O novo equipamento permitirá ampliar tanto a zona de praia do río Verdugo como o espazo de lecer e a zona de aparcadoiro.