O 10 de agosto de 2018 comezaban as obras de construción do novo campo de fútbol de Ponte Sampaio situado fronte ao colexio de educación infantil e primaria da parroquia. Os traballos estaba previsto que finalizasen en febreiro de 2019. Un ano máis tarde, o proxecto segue sen finalizar e sufrirá unha nova demora.
Anabel Gulías, portavoz do goberno local, anunciaba que este tema tratouse na comisión de goberno. Os traballos paralízanse temporalmente con motivo dun desaxuste das unidades de obra que afectan os vestiarios. Gulías sinalou que é necesario un retranqueo coa modificación do proxecto técnico xa aprobado. Ata que finalice este cambio non se pode continuar coas obras, indicou a portavoz municipal, afirmando que sexa unha cuestión que se poida resolver en días.
A concelleira recoñeceu que o goberno aínda se atopa pendente da desafectación dos terreos por parte de Costas para completar a mellora na contorna pero esa situación non se atopa vinculada coa paralización senón coa modificación do proxecto.
Este proxecto de construción execútao a Unión Temporal de Empresas Y. C.Casas - Imesapi, despois de que en abril de 2019 renunciase a empresa Ediserpo. Tras este cambio esperábase que a finais do verán do pasado ano finalizasen os traballos pero o atraso continúa. O custo da obra ascende a 1.163.536 euros.