A inestabilidade do terreo obriga a modificar o contrato do campo de Ponte Sampaio

Pontevedra
13 de abril 2020

Ata 116.353 euros. É a cantidade a maiores que terá que desembolsar o Concello de Pontevedra para a construción do campo de fútbol de Ponte Sampaio. As obras, paralizadas desde hai semanas, poderán retomarse despois de aprobarse o modificado do contrato

Operarios traballando no campo de fútbol de Ponte Sampaio
Operarios traballando no campo de fútbol de Ponte Sampaio / Concello de Pontevedra

Ata 116.353 euros. É a cantidade a maiores que terá que desembolsar o Concello de Pontevedra para a construción do campo de fútbol de Ponte Sampaio.

As obras, paralizadas desde hai semanas, poderán retomarse despois de aprobarse o modificado do contrato, que ascendía inicialmente a 1.163.536 euros.

O Concello asegura que este aumento está motivado por novas necesidades que non se contemplaban no contrato inicial e que xorden en relación, principalmente, á inestabilidade do terreo na contorna do futuro edificio destinado a vestiarios.

Esta circunstancia, que non existía ou non puido ser prevista no momento da redacción do proxecto, implica a necesidade de gañar terreo escavando na rocha aproximadamente uns catro metros cara ao interior da parcela e a construción dun novo pozo ante a insuficiencia do pozo de barrena existente.

Ademais, foi preciso realizar escavacións para estabilizar o edificio de vestiarios, o que inclúe o tratamento dunha das fachadas do edificio, que no proxecto orixinal quedaba contra o terreo, cun sistema exterior de illamento térmico.

Esta escavación tamén implica unha intervención para asegurar o muro que delimita coa parcela colindante.

A modificación inclúe, ademais, un incremento da drenaxe e a colocación de capas de grava e unha lámina xeotéxtil non previstas para solucionar os problemas derivados dun terreo situado nunha antiga xunqueira e para evacuar o importante caudal de augas procedentes da ladeira contigua.