As obras de humanización da Avenida de Ourense entran na súa fase final. Segundo informou esta mañá a alcaldesa de Marín, María Ramallo, está previsto que na última semana de maio finalice esta actuación, que supón un dos eixos sobre os que pivota a estratexia Marín Dusi, cofinanciada nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional da Unión Europea.
Esta actuación supón unha importante mellora na mobilidade de Marín, creando un cinto de carril bici sobre a arteria de comunicación principal do centro urbano cos concellos limítrofes e o resto do termo municipal. Con este avance, mellorarase a mobilidade urbana, apostando pola convivencia entre peóns, bicicletas e tráfico rodado.
Ademais, a avenida de Ourense estreou tamén a Zona 2 H, que garante máis posibilidades de atopar prazas onde estacionar para poder realizar recados, compras e demais xestións na vila e que na súa primeira semana en activo está a funcionar de forma satisfactoria.
Con esta actuación, mellorarase tamén todo o que ten que ver co mobiliario urbano, colocando novos bancos para o goce da cidadanía e colocando nova xardinería e arboledo, de especie de peral de flor, con exemplares que rozan os 6 metros de altura.
A eficiencia enerxética tamén é unha liña de traballo que marca o proxecto, xa que se renovaron todas as luminarias para que cumpran cos estándares de aforro enerxético, utilizando a tecnoloxía LED e apostando por báculos máis modernos e renovados