As obras de mellora da estación de autobuses estarán rematadas no primeiro trimestre de 2015

Pontevedra
04 de decembro 2014

A actuación, que supón un investimento de 150.000 euros, comezaron o 24 de novembro e na actualidade céntranse na desmontaxe das escaleiras e a mellora dos aseos. Vanse substituír as escaleiras mecánicas existentes, entre a planta baixa e o semisótano da estación, por dous ascensores cunha capacidade máxima de 13 persoas cada un

As obras de mellora da estación de autobuses inclúen a substitución das actuais escaleiras mecánicas Mónica Patxot

As obras de mellora da estación de autobuses de Pontevedra estará rematadas no primeiro trimestre do ano 2015. Así o anunciou este xoves a Xunta de Galicia después de que a directora xeral de Mobilidade, Helena de Santos, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitasen o lugar para coñecer a evolución actual da actuación. 

Helena de Santos indicou que as obras para reforzar a accesibilidade e a información aos cidadáns, que supoñen un investimento de 150.000 euros, comezaron o 24 de novembro. Na actualidade céntranse na desmontaxe das escaleiras e a mellora dos aseos.

O máis destacable do proxecto serán as melloras de accesibilidade, entre as que cabe salientar a substitución das escaleiras mecánicas existentes, entre a planta baixa e o semisótano da estación, por dous ascensores cunha capacidade máxima de 13 persoas cada un.

Ademais modificarase a apertura dunha das portas de acceso á estación para que se poidan abrir no sentido da evacuación (cara ao exterior), algo que a día de hoxe non é posible. Tamén se levarán a cabo melloras xerais nas instalacións coa impermeabilización da cuberta e melloras nos aseos e a pintura da estación.

Unha auditoría encargada pola Xunta de Galicia sobre o estado deste equipamento detectou oito "deficiencias graves" nas instalacións, sendo as principais carencias en materia de accesibilidade. Así, non funcionan os ascensores nin o montacargas, as escaleiras mecánicas non funcionan e as dársenas dos autobuses están demasiado elevadas, unha situación á que se lle está a poñer remedio.

AS OBRAS SON UN "APAÿO", SEGUNDO LORES

Lores asegura que estas obras, centradas principalmente en materia de accesibilidade, "non resolverán os problemas" da estación de autobuses

Con respecto a estes traballos, Miguel Anxo Fernández Lores ironizou co investimento previsto asegurando que "todo o que cae na rede é peixe", pero asegurou que os 150.000 euros proxectados son unha "especie de apaño". Entende o alcalde de Pontevedra que estas obras, centradas principalmente en materia de accesibilidade, "non resolverán os problemas" da estación de autobuses.

Fernández Lores, que recordou o compromiso do anterior conselleiro de Medio, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, de impulsar unha rehabilitación integral das instalacións, reiterou que estes traballos non corresponden ás demandas de usuarios e empresas que usan a estación.

Ademais, sinalou que "o máis grave" é que goberno galego renunciase a executar un acceso directo para que os autobuses poidan acceder dende o desdobramento da Avenida de Vigo. "Intentámolo de todas as formas posibles e non houbo maneira", concluíu o alcalde.