As obras de reforma do Rouco obrigan a cortar a rúa durante dous días

Pontevedra
22 de xullo 2019

O plan de tráfico contempla que os peches se realicen a partir das nove da mañá despois de que a rúa despache a circulación de vehículos de primeira hora e estará pechada ata as 20.00 horas. Nese tempo, garantirase o acceso ao estacionamento e aos veciños e servizos

Inicio dos traballos para a reforma da rúa Rouco
Inicio dos traballos para a reforma da rúa Rouco / Cristina Saiz

A instalación dos novos servizos soterrados, unha das actuacións que se inclúen na reforma urbana da rúa Rouco, obrigarán a cortar esta vía urbana durante os dous próximos días, o luns 22 e o martes 23 de xullo.

A pesar desta situación, permitirase o acceso á praza de Barcelos a residentes, garaxes, servizos e ao estacionamento da praza.

Esta medida é necesaria soamente nestes dous días debido á fase que atravesa a obra.

O plan de tráfico contempla que os peches se realicen a partir das nove da mañá despois de que a rúa despache a circulación de vehículos de primeira hora e estará pechada ata as 20.00 horas. Nese tempo, garantirase o acceso ao estacionamento e aos veciños e servizos.

Os vehículos de paso que teñan que achegarse á rúa Cobián Roffignac deberán facelo por Castelao e Daniel de la Sota.

Con todo, os operarios da empresa que executa esta obra tratarán de reducir o peche ao menor tempo posible. Se as obras se realizan nun só día, abrirase a rúa de inmediato. A información do peche está comunicada aos veciños, segundo o Concello, a través das caixas de correo.

A obra do Rouco comezou esta mesma semana coa apertura das gabias para a instalación das tubaxes dos servizos soterrados e a demolición de beirarrúas. O orzamento da obra é de 167.593,16 euros e ten un prazo de execución de catro meses, que se podería reducir para tratar de axustarse ao inicio do curso escolar, a mediados de setembro.

O proxecto contempla a reordenación da rúa, redistribuíndo os espazos destinados á mobilidade peonil. Manterase unha liña de estacionamento en formigón na marxe dereita para servizos e para colocar os colectores de lixo. Esta beirarrúa terá un ancho de 3 metros, e no lateral esquerdo (no do colexio) a beirarrúa increméntase ata os 5 metros.

A calzada será repavimentada e a beirarrúa crearase con lousa confinada entre bandas de granito. Procederase á eliminación das barreiras arquitectónicas e tamén se aproveitará para renovar as redes de pluviais e de sumidoiros.

O proxecto tamén contempla a colocación de novo mobiliario urbano (cinco papeleiras, sete bancos e dez aparcabicis) e a mellora da iluminación.