Tres días desta semana haberá cortes de tráfico na rúa do Rouco e en Barcelos para conectar as pluviais

Pontevedra
15 de setembro 2019

Os cortes de tráfico están previstos para os días 17, 18 e 19 de setembro dende as 09.00 horas ata as 19.30 horas. Fóra desa franxa horaria, a zona volverá á normalidade circulatoria, segundo o goberno local

Obras na Rúa Rouco fronte ao Colexio de Barcelos
Obras na Rúa Rouco fronte ao Colexio de Barcelos / PontevedraViva

As obras de reforma da Rúa do Rouco entran nunha fase na que se verá afectado o tráfico rodado na contorna da praza de Barcelos durante a semana que entra. 

Segundo a información facilitada polo goberno local de Pontevedra, os días 17,18 e 19 de setembro a empresa levará a cabo a conexión entre as canalizacións das augas pluviais dos dous lados da rúa. Ante esta situación é necesario restrinxir o acceso de vehículos á praza de Barcelos, agás no caso de residentes, acceso a garaxes ou vehículos que se dirixan ao estacionamento subterráneo. Ademais está previsto que se peche o acceso desde Benito Corbal ata a praza pola rúa Vasco da Ponte.

Durante estas tres xornadas, o peche da rúa está previsto desde as 09.00 horas ata as 19.30 horas. A partir dese momento, a circulación na praza e na Rúa  do  Rouco volverá á normalidade circulatoria.

O proxecto da obra que se acomete nesta rúa onde se atopa o colexio Barcelos contempla que se manteña o estacionamento en liña na marxe dereita para servizos e para instalar contedores de lixo. A beirarrúa terá un ancho de tres metros e no lateral esquerdo, na zona na que se atopa o centro escolar, ampliarase ata os 5 metros. A calzada será  repavimentada e eliminaranse barreiras arquitectónicas, ademais de renovar as redes de pluviais e de rede de sumidoiros. Tamén se cambiará o mobiliario urbano e mellorarase a iluminación.