As obras en Ponte Zapal sacan á luz restos da antiga muralla de Marín

Marín
12 de decembro 2016

Os traballos contan cun orzamento de 188.000 euros para reconstruír a ponte e a urbanización de Ponte Zapal

Restos da antiga muralla de Marín nas obras de Ponte Zapal
Restos da antiga muralla de Marín nas obras de Ponte Zapal / Concello de Marín

As obras de reconstrución da ponte e urbanización en Ponte Zapal, en Marín, continúan o seu curso, pero fixeron visible parte da historia do municipio.

A gabia aberta na zona deixou a primeira ollada dos veciños un pequeno fragmento da antiga muralla de Marín.

Técnicos de Patrimonio, da Xunta de Galicia, controlan os traballos para catalogar os restos aparecidos, o que obriga a "utilizar as medidas correctoras necesarias" coa idea de "seguir conservando, sinalizando e situando este vestixio", sinalou o Concello de Marín.

As obras seguirán agora o seu curso cun orzamento de 188.000 euros, cos que Marín pretende resolver a problemática na contorna do río Lameira, que está a sufrir múltiples cambios como a posta en marcha do novo centro de saúde.

O obxectivo é mellorar esta área como zona de esparexemento e comunicación a través de nova iluminación e pavimento, ademais de terminar coas inundacións que se producían en períodos concretos.