As 'pedaladas' son para a primavera

Pontevedra
27 de abril 2014

A Pedalada familiar contou con numerosos participantes, cunha ampla presenza de menores, que realizaron un percorrido polo centro da cidade. Esta actividade forma parte da programación de Pontenbici, que se desenvolve cunha exposición no Pazo da Cultura e varias iniciativas que contan coa bicicleta como principal protagonista

Pedalada 2014
Pedalada 2014 / Diego Torrado

Un amplo número de participantes colleron a súa bicicleta para sumarse a unha nova edición da tradicional Pedalada polo centro da cidade que partía ás 11.00 horas deste domingo 27 de abril da Praza de España coa presenza do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e do concelleiro de bicicletas, Miguel Filgueira.

Durante o percorrido non se rexistrou ningún incidente e puido observarse a asistencia dun amplo número de nenos durante a marcha, ademais de curiosos modelos de bicicletas. Esta iniciativa englóbase na programación de Pontenbici que inclúe unha Pedalada dos institutos da cidade o xoves 8 de maio e saídas familiares os días 4 e 25 de maio e o 25 de xuño para considerar a natureza sobre rodas. Ademais, programouse unha saída "profesional" o 11 de maio.

O 17 e o 18 de maio organizarase un mercado de bicicletas novas e usadas.