As piscinas de Campolongo e o centro deportivo da Parda terán novo xestor en abril

Pontevedra
03 de xaneiro 2015

A xunta reitora do Instituto Municipal de Deportes (IMD) aprobará este luns 5 de xaneiro os pregos para sacar a concurso a nova adxudicación da xestión das piscinas de Campolongo. Así llo trasladou o concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, aos traballadores das instalacións, cos que se reuniu nas últimas horas

Agustín Fernández reunido cos traballadores das piscinas de Campolongo
Agustín Fernández reunido cos traballadores das piscinas de Campolongo / Mónica Patxot

A xunta reitora do Instituto Municipal de Deportes (IMD) aprobará este luns 5 de xaneiro os pregos para sacar a concurso a nova adxudicación da xestión das piscinas de Campolongo. Así llo trasladou o concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, aos traballadores das instalacións, cos que se reuniu nas últimas horas. A intención é que a nova concesionaria poida comezar a traballar en abril.

Ata ese momento, o goberno municipal prorrogará o actual contrato con Serviocio, que finalizou o pasado 31 de decembro, para evitar que pechen as piscinas. A empresa seguirá prestando este servizo "hasta que se firme el nuevo contrato", sinala o edil socialista. A partir de aí, só continuará xestionando estas instalacións deportivas se resulta adxudicataria desta nova concesión.

Este novo concurso inclúe a xestión destas piscinas e do futuro centro lúdico e deportivo da Parda, cuxa construción deberá asumir a empresa que consiga este contrato. O investimento fixado no prego de condicións aproxímase aos seis millóns de euros. Deles, a adxudicataria deberá destinar case tres millóns a custear unha reforma integral das instalacións de Campolongo, que serán ampliadas aproveitando a totalidade da parcela.

Segundo explicou Agustín Fernández, na Parda proxéctanse piscinas ao aire libre, catro pistas de pádel ou un parque público, xunto con servizos adicionais como oficinas, cafetaría, vestiarios e un aparcadoiro para un centenar de vehículos.

Pola súa banda, a superficie das actuais piscinas de Campolongo ampliarase en 480 metros cadrados. Farao por debaixo da praza da Constitución, en dirección á igrexa. Farase unha renovación total das instalacións, que contarán tamén cunha sala de fitness e catro para actividades. Tamén se renovará a cuberta e mellorarase a accesibilidade e os plans de evacuación con ascensores e escaleiras de emerxencia.

Ademais, na actual cuberta haberá tres pistas de baloncesto e outra de fútbol sala "alguna de ellas cubierta o semicubierta", segundo o concelleiro de Deportes. En todo caso, Fernández afirmou que o proxecto podería sufrir algunha variación, xa que as empresas ofertantes poden incluír melloras neste, co obxectivo de ser mellor valorada pola mesa de contratación que decidirá que empresa gaña a adxudicación deste contrato.

O investimento fixado no prego de condicións aproxímase, entre Campongo e A Parda, aos seis millóns de euros

O anteproxecto prevé que as obras da Parda duren doce meses, mentres que a ampliación de Campolongo ten un prazo de execución de seis meses. Iso non implica que o actual complexo estea pechado todo ese tempo. Prevese unha apertura parcial cando conclúa a renovación das piscinas. "Queremos que el cierre dure lo mínimo posible y se pueda compatibilizar las obras con el uso de las instalaciones", explicou o responsable de Deportes.

Neste sentido, Agustín Fernández entende que o mellor é que o hipotético peche se produza durante os meses de verán, unha época na que baixa a actividade neste complexo deportivo e que permitiría ter a reforma rematada de cara ao outono. Sexa como sexa, será a nova empresa adxudicataria a que decida o calendario de obras e a que coordine a mellor forma para o servizo aos seus usuarios se interrompa o menor tempo posible.

A empresa que resulte gañadora deste concurso poderá explotar as dúas instalacións deportivas durante un período de 40 anos e non terá que aboar ningún tipo de canon ao Concello de Pontevedra.