As pistas de Campolongo recuperan as súas porterías

Pontevedra
18 de marzo 2022

A concellería de Deportes ten tamén en marcha o proceso de compra de canastras para as novas pistas de baloncesto 3x3

Deportes instala novas porterías nas pistas de Campolongo Concello de Pontevedra

As pistas de Campolongo recuperaron este venres as porterías para a práctica de fútbol sala. Estes elementos desapareceran deste recinto cando se iniciou a reforma do ximnasio e, meses despois do seu remate, o Concello de Pontevedra volve colocalas mentres ultima a compra de máis materiais para ampliar as disciplinas deportivas que se poderán practicar neste espazo.

O departamento que dirixe o tenente de alcalde, Tino Fernández, finalizou este venres a intervención que permitiu dotar ás pistas de Campolongo dun campo de fútbol sala.

Os traballos, realizados con man de obra municipal e un investimento duns 4.100 euros, consistiron no pintado da nova cancha e na instalación de dúas porterías da marca Mondo cun novidoso sistema antivuelco.

O Servizo Municipal de Deportes iniciou tamén o procedemento de contratación do proxecto para crear neste espazo dúas canchas de baloncesto 3x3 coas súas respectivas canastras. Estes traballos de pintado e instalación das canastras terán un custe duns 12.500 euros.

"Serán tamén executadas mediante man de obra municipal e agardamos que poidan materializarse no que resta de mes", indicou o edil do PSOE.

En paralelo, a Concellería de Deportes está a manter conversas coa comunidade educativa do CEP Campolongo de cara a dotar dunha zona de xogos populares e tradicionais para uso e desfrute dos rapaces á zona das pistas máis próxima ao colexio.

"Estase a estudar co centro educativo a mellor fórmula para acometer o pintado desta área de xogos, sexa pola vía da contratación dunha empresa ou ben mediante a subministración de materiais para que o propio colexio o realice como proxecto integrador, coa implicación de alumnado e comunidade educativa", apuntou Fernández.

Ademais, o Concello mantén conversas coa firma concesionaria do Complexo Deportivo BeOne para que solucione os problemas estruturais que afectan ás pistas deportivas situadas na cuberta das piscinas.