As pistas de tenis de Monte Baldío, en Raxó, reábrense a fin de semana

Poio
14 de maio 2020

O Concello aprobou esta semana as bases para concesión de subvencións a clubs e entidades deportivas sen ánimo de lucro, así como a deportistas locais

Posta a punto das pistas de Monte Baldío en Raxó Concello de Poio

As pistas de tenis de Monte Baldío na parroquia de Raxó de Poio reabriranse esta próxima fin de semana despois do peche obrigado durante dous meses e que operarios municipais puxesen a punto ditas dependencias. Trátase dun espazo deportivo no que se poden garantir as distancias de seguridade que establecen os protocolos de seguridade, así como a actual fase de desescalada na que se atopa a provincia.

Os usuarios deben saber que existe un protocolo de actuacións para o seu uso. Por exemplo: o acceso unicamente permitirase para a práctica do tenis "durante o tempo mínimo necesario para o transcurso dun partido ou adestramento" e unha vez terminado deberanse abandonar as instalacións. Só permítense partidos de tenis individuais. Os vestiarios continuarán pechados ao público. Os usuarios se desinfectarán as mans ao entrar e ao saír das pistas, evitando o contacto con elementos como a rede ou os bancos. O protocolo completo pódese consultar nas redes sociais e na páxina web do Concello de Poio.

Outra das instalacións que tamén reabrirá, pero neste caso unicamente para deportistas sénior federados, é a nave de piragüismo de Combarro, onde poderán recoller ou deixar as súas embarcacións. 

En relación ao ámbito deportivo, o Concello de Poio, na última xunta de goberno local, aprobou as bases para concesión de subvencións a clubs e entidades deportivas sen ánimo de lucro, así como a deportistas locais.