As praias de Sanxenxo estarán vixiadas dende xuño a setembro por 52 socorristas e sanitarios

Sanxenxo
27 de abril 2015

Os interesados en concorrer ao proceso destinado a ofrecer servizo no municipio con máis Bandeiras Azuis do país terán ata o 5 de maio

Probas para a selección de socorristas e patróns en Marín
Probas para a selección de socorristas e patróns en Marín / Diego Torrado

Un total de 52 socorristas e sanitarios conformarán o próximo verán o servizo de vixilancia en praias do Concello de Sanxenxo. Así o confirmou o concelleiro de Seguridade Cidadá e Persoal, Salvador Durán, quen explicou que "nesta campaña estival apostamos por prolongar o servizo para dar cobertura aos nosos veciños e visitantes en caso de que á tempada de sol sexa máis longa".

Por este motivo, segundo afirmou Salvador Durán, o persoal desta área incorporarase aos areais ao longo da segunda quincena de xuño e desenvolverán o seu labor ata a primeira metade do mes de setembro.

"ÿ imprescindible que o municipio que ostenta o maior número de Banderas Azuis ofreza unha atención de calidade como así vimos facendo todos estes anos e nesta ocasión reorganizamos o servizo para poder estendelo ao mes anterior e posterior a época de forte afluencia de usuarios", apuntou o tenente de alcalde.

Para iso, o Executivo sanxenxino xa abriu o proceso de selección do persoal de forma que os interesados en optar a un destes postos terán de prazo ata o 5 de maio, incluído, para entregar as instancias no rexistro xeral da Casa Consistorial, en horario de 9.00 a 14 horas, e aboar 7,73 euros para participar neste procedemento, pagamento do que estarán exentas aquelas persoas que presenten a tarxeta de demandante de emprego.