As praias de Sanxenxo van recuperando os seus socorristas tras o gromo de covid-19 e tan só A Lapa segue sen servizo

Sanxenxo
27 de xullo 2021

O brote de covid-19 detectado entre os traballadores do servizo de salvamento de Sanxenxo hai dúas semanas deixou sen servizo de salvamento Area de Agra, A Lapa, Areas Gordas e Nosa Señora da Lanzada, pero este martes xa só queda A Lapa. O venres haberá un  cribado para mozos de 16 a 35 anos na Sala Nauta ​

Socorrista en Sanxenxo
Socorrista en Sanxenxo / Mónica Patxot

O gromo de covid-19 detectado entre os traballadores do servizo de salvamento de Sanxenxo hai dúas semanas xa remitiu e nestes momentos xa todas a praia do municipio agás unha puideron recuperar o servizo de socorristas. 

Segundo a información facilitada polo Concello de Sanxenxo, o brote chegou a afectar ao 27% do persoal e deixou sen servizo de salvamento Area de Agra, A Lapa, Areas Gordas e Nosa Señora dA Lanzada. Este martes xa só queda A Lapa. 

O brote de covid-19 provocou que non houbese socorristas suficientes para atender a todos os areais do municipio, de modo que se retirou e, por tanto, non se puideron izar as bandeiras azuis destes catro areais.

A elección destas praias sen servizo realizouse seguindo criterios estatísticos de afluencia e incidencias que se obtén cada tempada estival.

CRIBADO ENTRE A MOCIDADE

O  Concello de Sanxenxo anunciou este martes que este próximo venres 30 de xullo realizarase un  cribado poboacional de covid-19 a través do sistema de  autocita. 

O  cribado está dirixido a persoas de entre 16 e 35 anos e realizarase na Sala Nauta de Sanxenxo durante todo o día, en horario de 9.00 a 20.30 horas

AULA PECHADA

Doutra banda, este martes confirmouse que unha serie de positivos en covid-19 na escola infantil municipal de O Tombo provocaron o peche dunha aula de 1-2 anos.

Detectáronse inicialmente o positivo de 2 nenos e da profesora e máis tarde dun terceiro alumno que estaba confinado polos casos previos. Ao resto de nenos e nenas realizaráselles unha proba  PCR e terán que gardar corentena por ser contactos estreitos.