As prazas de abastos de Vilagarcía e Vilaxoán contarán con puntos de carga para vehículos eléctricos

O Salnés
05 de febreiro 2024

Ao proxecto engádese a instalación dun sistema fotovoltaico para dar enerxía ao mercado de Vilagarcía

Praza de Abastos de Vilagarcía
Praza de Abastos de Vilagarcía / Concello de Vilagarcía de Arousa

As prazas de abastos de Vilagarcía e Vilaxoán dispoñerán de senllas estacións de carga para vehículos eléctricos. Así o aprobou a Xunta de Goberno Local tras adxudicar a actuación á empresa Lumea Solucións Eléctricas. Estas dotacións irán acompañadas da instalación dun sistema fotovoltaico para dar enerxía ao mercado de Vilagarcía.

A iniciativa inclúese no proxecto 'Vilagarcía Viva' e o investimento, de 84.790 euros, finánciase con fondos europeos do Plan Next Generation destinado ao Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. Estarán operativos na primavera xa que o prazo de execución é de vinte e cinco días.

Desde o Concello vilagarcián preténdese seguir avanzando na sustentabilidade do municipio, contribuíndo a reducir a contaminación e manter o coidado do medio ambiente. Así, estas dotacións abastecerán aos vehículos eléctricos municipais e aos da cidadanía.

No caso do mercado de Vilagarcía, a estación de carga situarase na zona do pavillón da verdura e o sistema fotovoltaico para autoconsumo da praza de abastos, pemitirá aproveitar a enerxía solar e xerar electricidade para abastecer este emprazamento municipal. Isto conlevará un aforro para o Concello na compra de electricidade e igualmente colabora co medio ambiente facendo un investimento en enerxías limpas e renovables.