As probas do novo Coche de Punto trasládanse a todas as parroquias

Pontevedra
07 de febreiro 2022

O servizo continúa avanzando na recollida de opinións, incidencias e problemas que poidan percibir as persoas usuarias que ao longo desta última semana probaron o novo sistema de transporte para o rural, segundo informa o Concello de Pontevedra

Demetrio Gómez, concelleiro de Obras Urbanas e de Mobilidade
Demetrio Gómez, concelleiro de Obras Urbanas e de Mobilidade / Mónica Patxot

O concelleiro de Mobilidade, Demetrio Gómez, indica que o transporte a demanda en Pontevedra continúa o proceso para implantarse ao entrar na segunda semana de probas. O novo Coche de Punto ampliará o seu servizo a todas as parroquias do municipio nos próximos días. 

Ata o momento, as probas realizáronse en catro parroquias: Tomeza, Marcón, Salcedo e Ponte Sampaio. Agora trasladarase ás once restantes coa intención de comprobar o funcionamento da aplicación en todo o municipio nesta fase "beta" para que as persoas usuarias ofrezan a súa opinión e acheguen as posibles melloras a realizar neste novo sistema de transporte.

Segundo indican desde o goberno local, simplificaranse diversas accións dentro da app, para facilitar a accesibilidade universal para que calquera persoa poida utilizala sen dificultades. O responsable do departamento de  Mobilidade atópase en contacto coa empresa encargada de crear a aplicación para manexar e solicitar o Coche de Punto para ir analizando o desenvolvemento deste proxecto. Ao mesmo tempo, Demetrio Gómez tamén mantivo encontros con persoas usuarias para recoller incidencias e dúbidas que se expuñan sobre o novo servizo.