As probas rápidas para detectar o coronavirus desde o coche faranse tamén en Pontevedra

Pontevedra
19 de marzo 2020

A partir de mañá venres estes test, que permite ao persoal sanitario coller mostras do paciente sen que este teña que saír do seu coche, faranse no Recinto Feiral. Este sistema, lembran desde o Sergas, só se realiza por prescrición médica e a aqueles que se lles asigne cita previa

Probas rápidas do coronavirus en Vigo
Probas rápidas do coronavirus en Vigo / Vigoé

As probas rápidas para detectar o COVID-19, que se realizan desde onte no hospital Meixoeiro de Vigo, chegarán a Pontevedra. Así o confirmaron fontes oficiais do Servizo Galego de Saúde.

A partir de mañá venres estes test, que permite ao persoal sanitario coller mostras do paciente sen que este teña que saír do seu coche, faranse no Recinto Feiral.

Este sistema, lembran desde o Sergas, só estará habilitado para persoas que sexan sospeitosas de contraer o coronavirus.

A proba só se realiza por prescrición médica e a aqueles que se lles asigne cita previa, algo que xestiona o 061. Unha vez autorizado, o paciente recibirá as instrucións sobre como chegar ao momento de toma, no caso de Pontevedra o Recinto Feiral.

A partir de aí, ordénaselle ao paciente que non saia da casa baixo ningún concepto ata que non saiba o resultado da proba.

O mesmo día da proba, ou ao día seguinte como máximo, o médico chamará ao paciente para informarlle se deu positivo polo COVID-19.

Cada proba, que se realiza nun período de tan só cinco minutos, permite ademais evitar os desprazamentos dos facultativos aos respectivos domicilios dos pacientes e, ao mesmo tempo aforrar en equipos de protección individual.

Este sistema permite ademais desatascar os laboratorios dos centros hospitalarios e realizar máis probas á poboación, unha das recomendacións da Organización Mundial da Saúde para loitar contra esta pandemia.