As Rías Baixas reciben por segundo ano consecutivo un 'Oscar do turismo'

Pontevedra
03 de decembro 2021

Por segundo ano consecutivo o vídeo da campaña promocional do destino turístico Rías Baixas triunfou nos prestixiosos CIFFT World Tourism Awards, considerados como os 'Óscar do turismo'. "Segue o teu instinto" é a mellor película do mundo na categoría de vídeo promocional de produto turístico

Celebración do premio a "Segue o teu instituto" ao mellor vídeo turístico do mundo
Celebración do premio a "Segue o teu instituto" ao mellor vídeo turístico do mundo / Deputación de Pontevedra

Por segundo ano consecutivo o vídeo da campaña promocional do destino turístico Rías Baixas, impulsada pola Deputación de Pontevedra, triunfou nos prestixiosos CIFFT World Tourism Awards, considerados como os 'Óscar do turismo'.

"Segue o teu instinto", o audiovisual producido pola compañía pontevedresa Esmerarte, coroouse como mellor película do mundo na categoría de vídeo promocional de produto turístico, segundo se desvelou este venres.

O Comité Internacional de Festivais de Cinema de Turismo (CIFFT) anunciou os gañadores a través dunha gala transmitida en streaming desde Valencia, elixidos entre máis de 3.300 vídeos de máis de 90 países que competiron nos festivais que conforman o circuíto.

Tras sumar nove premios internacionais nos trece festivais nos que participou este ano, "Segue o teu instinto" coroa así a súa exitosa traxectoria. 

"Estamos absolutamente felices", celebrou a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, que destacou que este premio demostra que na provincia hai un sector audiovisual "excelente" grazas á súa "capacidade creativa, sensibilidade e calidade".
 
Dirixido por Laura Fontán e Alberto Baamonde e producido por Paulo Bouzas e Lucía Rúa, este vídeo foi a peza central da campaña de promoción de turismo de natureza do destino Rías Baixas durante o ano 2020.

Cun innovador enfoque narrativo, a peza propón ao destino como un lugar idóneo para repoñerse, descansar e conectar coa natureza, na variedade de espazos para camiñar, mergullarse en baños de bosque, relaxarse ou practicar ecoterapia. 

O audiovisual "Segue o teu instinto" destacou na competición polo seu concepto e narrativa. Cun formato innovador entre o biopic e a ficción, o guión toma experiencias reais da vida da protagonista, a actriz Celia Freixeiro, na súa volta a Rías Baixas acompañada dos seus seres queridos e familiares como a súa nai, a súa avoa ou a súa amiga Salema Canda.