As rúas perimetrais do Gorgullón terán plataforma única e prioridade peonil

Pontevedra
25 de abril 2021

As rúas que se van a reformar son a Travesía de Eduardo Pondal, a Rúa da Curtidoira, Pedro Sarmiento de Gamboa, a Rúa da Moa e a praza de Ponte Boleira. Os traballos terán un prazo de execución de catro meses

Cambios na rúa Pedro Sarmiento de Gamboa
Cambios na rúa Pedro Sarmiento de Gamboa / PontevedraViva

Case 300.000 euros investirá o Concello de Pontevedra na reforma integral das rúas perimetrais do Gorgullón que, tras esta intervención, pasarán a contar con plataforma única na que os peóns terán prioridade para circular.

As rúas que se van a reformar son a Travesía de Eduardo Pondal, a Rúa da Curtidoira, Pedro Sarmiento de Gamboa, a Rúa da Moa e a praza de Ponte Boleira. Os traballos terán un prazo de execución de catro meses.

Con estas reformas, o goberno municipal busca dotar a todo o barrio da mesma calidade urbana que ten agora o Gorgullón, destinando máis espazos á mobilidade de peóns e a usos ligados á actividade comercial da zona.

Así, na travesía de Eduardo Pondal e Rúa da Moa haberá plataforma única con preferencia peonil, acorde co tratamento deseñado no Gorgullón e con materiais similares. Suprimiranse as barreiras arquitectónicas e garantirase a accesibilidade universal. 

Ademais, na Rúa da Moa renovarase a canalización de abastecemento de auga potable.

Na praza de Ponte Boleira elevaranse os pasos de peóns e mellórase a conexión das frontes dos edificios coa praza central onde están o parque infantil e as zonas verdes.

Pola súa banda, na rúa Pedro Sarmiento de Gamboa elevarase a calzada para facer unha plataforma única de coexistencia de tráficos reforzada na conexión desta rúa co Gorgullón na contorna do centro social e da terceira idade, onde estudarán restrinxir o tráfico de acceso. 

Tamén se actuará na Rúa Curtidoira levantando a capa de rodadura e creando unha plataforma única, ao igual que Pedro Sarmiento de Gamboa, para crear unha zona de coexistencia e restrinxindo o tráfico a residentes e servizos.

En todo o proxecto se cambia a iluminación pública e o mobiliario urbano.

De cara a esta actuación, que será sufragada polos fondos europeos FEDER a través do proxecto EDUSI Máis Modelo Pontevedra, dezaoito empresas presentaron as súas ofertas para encargarse da execución das remodelacións destas cinco rúas.

Trátase de Sergonsa, Prace, Oresa, Opain, Narom, Marconsa, Elsamex, Edigroup, Vales, Manuel Pérez Portela, COVSA, BCNor, Desmaco, Caldevergazo, EC Casas, Construcciones Abilleira, Fechi e Acevi. As súas ofertas serán agora examinadas polos técnicos municipais.