As Ruínas de San Domingos reabrirán este martes ao público

Pontevedra
14 de xullo 2024

As Ruínas de San Domingos volven abrir as súas portas este martes 16 de xullo tras finalizar a actuación de retirada de plantas das ábsidas. Os traballos, que comezaron o pasado luns, permitiron erradicar as plantas superiores que se atopaban no recinto e supuñan un risco para a integridade do ben

Cruceiro das Ruínas de San Domingos Mónica Patxot

As Ruínas de San Domingos volverán abrir as súas portas este martes 16 de xullo tras finalizar a actuación de retirada de plantas das ábsidas.

Os traballos, que comezaron o pasado luns, permitiron erradicar as plantas superiores que se atopaban no recinto e supuñan un risco para a integridade do ben.

A actuación completouse coa eliminación da sucidade superficial do recinto e coa colocación de morteiro naqueles lugares nos que se retiraron os elementos vexetais.

Desde a Deputación indican que a eliminación das plantas realizándose tesoiras de poda, escalpelos, bisturís e paus de hisopo de diferente groso, acentuando o coidado nas zonas máis sensibles como arestas vivas ou desprazamentos, co fin de extraer as raíces e terra das xuntas.

Ademais, trala retirada das plantas, tapáronse os ocos e seláronse as xuntas nas que estaban asentadas con morteiro de cal hidráulica entoada con pigmentos inorgánicos. Tamén se aproveitou a intervención para eliminar a sucidade superficial, con limpeza en seco.

O horario de apertura das ruínas é de martes a domingo entre as 10:00 e as 14:00 horas e de entre as 16:00 a 19:30 horas de martes a sábados.