O programa 'Rutas Saludables', promovido pola Asociación Española Contra el Cancer, aterra en Sanxenxo a partir do próximo 27 de setembro.
A iniciativa, cuxo obxectivo é acabar co sedentarismo e fomentar hábitos de vida saudables, desenvolverase durante un total de 12 semanas con 4 roteiros pola localidade.
As camiñadas, de aproximadamente hora e media de duración, realizaranse todos os venres ás 10:30 horas, partindo sempre desde o Centro de Saúde de Baltar. A actividade será guiada polo persoal sanitario do centro.
Desde a AECC sinalan que a prevención é unha das mellores ferramentas fronte ao cancro e por iso seguen facendo fincapé en promover a adquisición de hábitos de vida saudables como estas camiñadas que, segundo Dolores Andújar, técnica desta iniciativa, "máis aló do seu carácter recreativo, onde os participantes melloran o seu estado de ánimo e reforzan o sentimento de comunidade, estes roteiros achegan importantes beneficios para a saúde".
O programa é gratuíto e está dirixido a todas aquelas persoas interesadas en mellorar a súa saúde a través da actividade física. Con todo, os pacientes oncolóxicos que desexen participar deberán presentar unha autorización médica previa. As prazas son limitadas e as inscricións poden realizarse chamando ao teléfono gratuíto 900 100 036 ou de maneira presencial no Centro de Saúde de Baltar.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.